O pesadelo de Darwin
https://www.youtube.com/watch?v=ySylryTVD90
“O peixe grande
come o pequeno”
A nosa demagoxia
á hora de falar de refilón sobre os efectos devastadores da globalización, o
capitalismo e o sufrimento das zonas marxinadas do mundo, é a nosa forma de
aliviar a nosa mala conciencia, de evadir a nosa parte de responsabilidade. O
pesadelo de Darwin é un título moi acertado. A cara menos bonita, a cara
desfigurada da evolución actual do home moderno, das nosas culturas, das nosas
sociedades, que melloran a súa calidade de vida a custa do sufrimento de moitos
outros homes. O pesadelo de observar, sen un só respiro, durante 107 minutos, a
situación actual dun deses sitios transformados polo home rico nun inferno de
condicións inhumanas para os homes pobres.
Este documental
céntrase nas xentes que viven, sobreviven e morren arredor do negocio
industrial imposto da pesca e a exportación masiva da perca do Lago Victoria en
Tanzania. Na década dos anos 60, unha nova especie animal foi introducida en África
no Lago Victoria como un pequeno experimento científico. A perca do Nilo
resultou ser un voraz depredador que arrasou con todas as especies autóctonas
deste xigantesco lago. O novo peixe multiplicouse rapidamente e dende hai uns
anos, enormes avións de carga rusos chegan diariamente para recoller os
cargamentos de pesca que abastecen ao mundo occidental e levar consigo armas, armas
que se venderán e transportarán de Tanzania a outros países, as cales serán
usadas nos numerosos conflitos civís bélicos existentes no continente africano.
É coma se un gran
desastre tivese golpeado á terra e ao pobo, pero non hai ningún tsunami,
furacán, terremoto, inundación nin derruba. Vemos xente de carne e óso, de moi
preto, padecendo a diario inxustizas e tormentos indicibles. O peor de todo, é
que a gran explotación desta xente traballadora, a morte dos desafortunados das
aldeas, as mulleres obrigadas a prostituírse e azoutadas pola SIDA, e os
pulmóns invadidos de gases velenosos son consecuencias das relacións
internacionais que as grandes potencias do mundo gaban co nome de "libre
comercio", "economía de mercado libre" e
"globalización". Os feitos revelan dura e cruamente o significado
destas palabras.
Caemos rendidos
ante este documental pola realidade tan dura que mostra, realidade que todos e
todas coñecemos e non queremos ver, realidade que nos ensina como as sociedades
capitalistas, os ricos, a xente con poder, unha vez máis se aproveitan dos
menos favorecidos, sen importarlles as consecuencias que isto traia, as
consecuencias para o lugar, para a natureza e o máis importante, para ás
persoas. Coma sempre, a riqueza duns é máis importante que a vida doutros.
Buscando unha
comparación deste documental ca nosa terra, pasáronseme miles de exemplos para
poder describir, pero creo, que o máis acertado neste caso sería comparalo cos
milleiros de pescadores e pescadoras que saen tódolos días pola mañá cedo a
pescar para poder manter as súas familias. Pescadores que arriscan a súa vida
diariamente nos mares, mares uns días máis calmados e outros non, pescadores
que pescan o peixe e o venden a un prezo baixo ás grandes empresas para que
logo estas multipliquen os seus prezos en beneficio propio.
O peor de todo, é
que son os pescadores quen dedican as súas mañás para pescar, os que arriscan a
vida e os que traballan en condicións non sempre moi boas, mentres que son as
grandes empresas as que de verdade se benefician do seu traballo, quitando un
gran pellizco de diñeiro polo traballo explotado doutros.
Unha vergoña o
meu parecer pero unha realidade moi arraigada na nosa sociedade. Deberíamos de
empezar a loitar e reivindicarnos polos nosos dereitos e por un traballo cuns
beneficios xustos . Non a explotación.
Noelia Bargiela Romero