martes, 17 de marzo de 2015

O pesadelo de Darwin



https://www.youtube.com/watch?v=ySylryTVD90


“O peixe grande come o pequeno”

A nosa demagoxia á hora de falar de refilón sobre os efectos devastadores da globalización, o capitalismo e o sufrimento das zonas marxinadas do mundo, é a nosa forma de aliviar a nosa mala conciencia, de evadir a nosa parte de responsabilidade. O pesadelo de Darwin é un título moi acertado. A cara menos bonita, a cara desfigurada da evolución actual do home moderno, das nosas culturas, das nosas sociedades, que melloran a súa calidade de vida a custa do sufrimento de moitos outros homes. O pesadelo de observar, sen un só respiro, durante 107 minutos, a situación actual dun deses sitios transformados polo home rico nun inferno de condicións inhumanas para os homes pobres.
Este documental céntrase nas xentes que viven, sobreviven e morren arredor do negocio industrial imposto da pesca e a exportación masiva da perca do Lago Victoria en Tanzania. Na década dos anos 60, unha nova especie animal foi introducida en África no Lago Victoria como un pequeno experimento científico. A perca do Nilo resultou ser un voraz depredador que arrasou con todas as especies autóctonas deste xigantesco lago. O novo peixe multiplicouse rapidamente e dende hai uns anos, enormes avións de carga rusos chegan diariamente para recoller os cargamentos de pesca que abastecen ao mundo occidental e levar consigo armas, armas que se venderán e transportarán de Tanzania a outros países, as cales serán usadas nos numerosos conflitos civís bélicos existentes no continente africano.
É coma se un gran desastre tivese golpeado á terra e ao pobo, pero non hai ningún tsunami, furacán, terremoto, inundación nin derruba. Vemos xente de carne e óso, de moi preto, padecendo a diario inxustizas e tormentos indicibles. O peor de todo, é que a gran explotación desta xente traballadora, a morte dos desafortunados das aldeas, as mulleres obrigadas a prostituírse e azoutadas pola SIDA, e os pulmóns invadidos de gases velenosos son consecuencias das relacións internacionais que as grandes potencias do mundo gaban co nome de "libre comercio", "economía de mercado libre" e "globalización". Os feitos revelan dura e cruamente o significado destas palabras.
Caemos rendidos ante este documental pola realidade tan dura que mostra, realidade que todos e todas coñecemos e non queremos ver, realidade que nos ensina como as sociedades capitalistas, os ricos, a xente con poder, unha vez máis se aproveitan dos menos favorecidos, sen importarlles as consecuencias que isto traia, as consecuencias para o lugar, para a natureza e o máis importante, para ás persoas. Coma sempre, a riqueza duns é máis importante que a vida doutros.
Buscando unha comparación deste documental ca nosa terra, pasáronseme miles de exemplos para poder describir, pero creo, que o máis acertado neste caso sería comparalo cos milleiros de pescadores e pescadoras que saen tódolos días pola mañá cedo a pescar para poder manter as súas familias. Pescadores que arriscan a súa vida diariamente nos mares, mares uns días máis calmados e outros non, pescadores que pescan o peixe e o venden a un prezo baixo ás grandes empresas para que logo estas multipliquen os seus prezos en beneficio propio.
O peor de todo, é que son os pescadores quen dedican as súas mañás para pescar, os que arriscan a vida e os que traballan en condicións non sempre moi boas, mentres que son as grandes empresas as que de verdade se benefician do seu traballo, quitando un gran pellizco de diñeiro polo traballo explotado doutros.

Unha vergoña o meu parecer pero unha realidade moi arraigada na nosa sociedade. Deberíamos de empezar a loitar e reivindicarnos polos nosos dereitos e por un traballo cuns beneficios xustos . Non a explotación. 

Noelia Bargiela Romero

No hay comentarios:

Publicar un comentario