miércoles, 11 de marzo de 2015


Desastre ecolóxico. Prestige



Marea Blanca - Documental de Isabel Coixet
https://www.youtube.com/watch?v=qDuQ7bDz_yQ



O 19 de novembro de 2002 afundíase fronte ás costas galegas o barco petroleiro Prestige, que causaría o desastre ecolóxico máis importante de Galiza, ao verter ao mar máis de 75 mil toneladas de chapapote, afectando non só o litoral galego, senón ademais o norte de España e parte de Francia.
O legado destrutivo do Prestigie está vivo na memoria de toda a humanidade, porque sobre todo quedou como o exemplo do que os políticos non deben facer en caso dunha continxencia como esa. Ante tamaña traxedia, a sociedade civil galega mobilizouse para limpar a costa, e a heroica loita de mariñeiros, voluntarios e a poboación en xeral, contra a marea negra, sempre será recordada.
Como galega e como persoa que adora a súa terra será difícil esquecer ese día no que te levantas ca noticia de que un petrolero está accidentado fronte as costas galegas, as túas costas, a túa terra, isto era un 13 de novembro. Recordo os días posteriores ata o seu total afundimento, como os periódicos e os informais anunciaban unha catástrofe natural inminente e ante a cal ninguén podía facer nada, e non se equivocaban, días despois o barco afundía por completo e aínda que pouco a pouco xa ía soltando fuel o desastre non facía máis que comezar.
Foron moitos os km de praias e costas que se viron afectadas por esta substancia, foron moitos os animais que morreron e moitos os que se impregnaron de fuel, foron moitos os mariñeiros que se quedaron sen traballar días por non poder saír a faenar pero por sorte tamén foron moitas as persoas que axudaron a limpar, foron moitos os voluntarios que se levantaban tódolos días para axudar a eliminar o fuel da auga e as praias, a limpar as rocas, a limpar animais, foi moita a axuda e é de agradecer que toda a xente se volcara tanto con esta noticia tan desagradable para Galicia.
O máis indignante desta traxedia é ver como anos despois os causantes da mesma saen absoltos do xuízo polo que se lles condenaba, absoltos aínda sabendo que foron os causantes dunha das maiores catástrofes de Galicia, que acabaron con parte da nosa natureza e deixaron a gran parte dos nosos mariñeiros e mariñeiras sen poder traballar.
Grazas a todas as persoas voluntarias que se mobilizaron dende tódalas zonas de España, aínda perdendo o seu traballo, como ben se dixo no vídeo, grazas por axudarnos a limpar as nosas praias, a salvar os animais e por protestar e manifestarse en contra desta traxedia e inxustiza.
Como galega namorada da súa terra e de todo o que hai en ela digo, NUNCA MÁIS!!


                                                     




Noelia Bargiela Romero

No hay comentarios:

Publicar un comentario